BENVIDA

 

Un cordial saúdo amigo navegante.

 

Para ti que descendes de Norte a Sur ou subes de Sur a Norte, realizando longas singladuras polo duro litoral galego. Para ti que saltas de ría en ría para relaxarte do arduo traballo cotidiano ou compites nas numerosas regatas que se celebran nas nosas costas. Para ti que desexas atracar o barco  para facer un turismo reparador pola nosa xeografía. Ou para ti que non saíches nunca ó mar, pero que vives co desexo de poder facelo. Para todos vos vai a nosa invitación sinceira a que fagades un alto no camiño e vos acerquedes a coñecer o noso porto.

 

 Aquí vos agarda un Clube con ganas de ofrecervos un recibimento acolledor. Aquí vos recibirán unhas instalacións que, pese a súa modestia, vos han proporcionar uns amarres dotados duns equipamentos dignos. Aquí vos atenderán uns mariñeiros que non dubidarán en facilitarvos todo tipo de atencións. Aquí encontraredes un concello e unha vila, cheos de historia, repletos dun notorio patrimonio arquitectónico, sobrados de riqueza paisaxística, cun ben merecido posto no ámbito da cultura, cunhas afamadas festas da Guadalupe e unha canción, a RIANXEIRA, que deu a volta ó mundo.  Aquí, en fin, hai unhas xentes que non dubidarán en acollervos cos brazos abertos, dispostas en todo momento a ofrecervos unha desinteresada hospitalidade.

 

            Esperámosvos.

 

 

 

 

Ver calendario de actividades >